Tuesday 14 de May de 2024

O terceiro dos coloquios sobre saúde e benestar focalizouse no exercicio físico na diabetes tipo II


Na tarde deste venres 21 transcorreu no pobrense Auditorio do Museo Valle-Inclán a terceira das conferencias contempladas nas xornadas sobre saúde e benestar organizadas pola Concellaría da Sanidade da Pobra do Caramiñal e pola Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia). Así, Manuel Genaro Gutiérrez Fernández, médico de familia da atención primaria, impartiu a charla Exercicio físico na diabetes mellitus tipo 2.

Ao remate da súa intervención, o relator recibiu dous agasallos con motivo da súa próxima xubilación. O primeiro dos obsequios veu da man de varias das súas compañeiras de traballo e contou coa participación do Concello da Pobra do Caramiñal: mentres que o segundo presente foi cortesía de Anedia, entregado pola presidenta desta asociación, María José Rego.

A concelleira da Sanidade, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), agradeceu os seus máis de vinte anos de traballo na localidade e gabou o seu labor e o de todo o persoal do centro de saúde.